6.28.2013

GRAZAS ANPA!

Non podíamos rematar mellor o curso! A nosa ANPA Diómedes tíñanos unha sorpresa preparada: unha xenerosa doazón coa que mercamos unha morea de libros. Moitas grazas!!

6.18.2013

VOLVE SUSA HERRERA!

Que ben! o ano pasado quedamos encantados con Susa Herrera e este ano voltou para deleitarnos con outra das súas magníficas sesións de contacontos. Encantounos e pasámolo xenial! Coma sempre que ven.

VISITA DUNHA CIENTÍFICA

Sí, sí, lestes ben, visitounos unha científica coa que pasamos un rato entretidísimo, divertidísimo e intersantísimo! Esta científica explicounos cal é o traballo dela co seu grupo de investigadores no CSIC. Contounos que viaxan mar adentro para analizar eses minúsculos animaliños que viven no mar. Ademais, como sabía que nos encantan os debuxos, ensinounos como é son na realidade o noso querido Bob Esponxa e os seus amigos. Todos quedamos abraiados/as co que nos contou. Seguro que despois desta visita máis de unha e de un quere ser un científico/a cando sexa maior. Grazas!!

6.16.2013

Contacontos para Infantil e Primeiro ciclo

Como somos grandes lectores, este ano premiáronnos con varios contacontos. Un deles foi o conto de "A vaca Josefina" e as súa divertida historia na granxa.

VISITA DE MANUEL UHÍA

Tamén nos visitou Manuel Uhía, un famoso escritor e ilustrador nado en Portonovo que foi seleccionado en tres ocasións para a Bienal de Ilustración Bratislava e ademais conseguiu o premio Rañolas de Ilustración en 1997. Tivemos a sorte de poder falar con el moi cerca! e ver o ben que debuxa. Encantounos coñecelo porque as nenas e nenos de segundo limos o seu libro "O autobús da selva". Aquí vos deixamos as fotos do día que pasamos con el:

5.31.2013

APADRIÑA e AMADRIÑA UN LECTOR ou UNHA LECTORA

Ainda que todos os días do ano podemos deleitarnos lendo ou escoitando historias, o mes de abril é fundamental para isto xa que é o mes dos libros. O 26 de abril en concreto celébrase o día do libro. A actividade que propuxemos dende o equipo de biblioteca foi todo un éxito. Titulámola "Apadriña/ Amadriña un lector/a". Que en qué consistiu? Pois contámosvolo con fotos. Os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º exerceron de padriños e madriñas dos nenos de infantil, 1º e 2º. Primeiro buscaron libros para cada afillad@. Despois colgáronse os seus collares identificativos. E finalmente, cada parella formada por padriño/madriña-afillad@ fóronse a un recuncho do cole a disfrutar de marabillosas lecturas. Foi a mellor sesión de lectura de todo o curso! Tanto afillad@s como padriños e madriñas estaban felices e orgullosos de disfrutar xuntos dun rato de marabillosas lecturas.

5.16.2013

OBRADOIRO DE XOGUETES

Dende o segundo trimestre, todos os xoves temos un obradoiro no colexio. Os nosos nenos nenas estaban,e están, entusiasmados por apuntarse. Cada xoves elaboran un xoguete diferente, xoguetes deses tan inxeniosos e divertidos cos que xogaban os nosos avós e avoas. Fixemos cabaliños de pataca e cortiza, zoadeiras, teléfonos e barquiños de noz. Estes obradoiros están tendo tanto éxito que tivemos que facer unha segunda volta e, quen sabe, ata igual hai unha terceira! Aquí tedes as fotos de cada obradoiro, podedes ir véndoas según vai baixando a páxina. Así os anunciamos:

Os cabaliño de pataca e os de cortiza:

O teléfono:

A Zoadeira:

O barquiño de noz:

5.10.2013

TUI LE

Moitos dos coles do Concello de Tui e un colexio de Valença do Minho participamos no "Tui Le 2013". Este ano a protagonista foi a nosa querida Rosalía de Castro. A actividade consistiu en ir á praza de S.Fernando para ler entre todos os coles un precioso poema desta magnífica escritora e tamén para ver as ilustracións do poema que fixemos os coles participantes, son verdadeiras chuladas! Tivemolas todas expostas na nosa biblioteca para que as mamás e papás e as nenas e nenos as viran. Mirade, mirade!

4.15.2013

DÍA DA POESÍA

Este ano o día da poesía celebrouse o 21 de marzo. O noso alumnado, que ten alma de poeta, xuntouse por cursos para escribir poemas e así montar o tren da poesía que agora percorre o corredor do noso cole. Poetas e poetisas ao tren! Nas fotos podedes ler os nosos preciosos poemas.

3.15.2013

SEMANA DA PRENSA

Como esta é a semana da prensa, poderedes ollar todo tipo de prensa escrita no noso colexio. Temos dende periódicos ata revistas de decoración, de saúde, do corazón, etc. Os nosos nenos e nenas están encantados lendo cada día un pouco de cada temática.

3.14.2013

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Coma cada ano, o 8 de marzo celébrase o Día da Muller traballadora. Na biblioteca quixemos facer unha homenaxe a todas esas marabillosas traballadoras escritoras montando unha exposición de libros escritos por mulleres. Pasade a vela cando queirades e ide tomando nota das autoras para levar os seus libros. Tamén fixemos un mural no que podedes aprender cousiñas sobre mulleres importantes da nosa historia, só tes que ler, pensar e abrir o "Sabías que...?"

SEMANA DO CONSUMIDOR

Ola outra vez! Esta é a Semana do Consumidor, por iso no cole estamos a repartir froita fresca no recreo, temos almorzos saudables no comedor e dende a biblioteca queremos axudarvos a coñecer libros moi moi interesantes nos que descubriredes moitas receitas -algunhas sorprendentes-, cómo son os alimentos, de donde veñen, cómo cociñar...en definitiva, o que queremos transmitirvos é que: se lemos, sabemos o que comemos. Podedes ollar os libros que temos na exposición e despois, unha vez que os recollamos, levalos á casa como préstamo. A saborear as lecturas! Mirade a nosa exposición.

Tamén diseñamos un salvamanteis moi chulo para que os nosos nenos e nenas colorearan. Unha vez rematados plastificarémolos e levaranos para a casa. Alí disfrutarán de deliciosas comidas neles.

2.27.2013

DÍA DE ROSALÍA

O pasado 24 de febreiro foi o Día de Rosalía, unha das nosas máis admiradas escritoras. Para celebrar por todo o alto este día, alumnos/as de todos os niveis do noso cole participaron na actividade proposta pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e realizada conxuntamente por un gran número de centros escolares galegos. A actividade trataba de facer a lectura completa de "Cantares Gallegos" de Rosalía. Foi tal o éxito desta proposta que houbo moitos coles apuntados e ao final tiveron que facerse dúas lecturas do libro. Os nosos nenos/as participaron na segunda lectura co poema nº 19 "Pasa, río, pasa, río". Na foto podedes ver aos nosos protagonistas e aquí podedes ver que ben recitaron tod@as:

2.21.2013

UN CHALECO PARA CADA AXUDANTE

Menuda sorpresa! A avoa dunha nena de terceiro fixo uns marabillosos, coloridos e vistosos chalecos para as nosas e nosos axudantes de biblioteca. É UNHA ARTISTA!Gracias a ela a nosa biblioteca luce máis, que xa é difícil! Aquí temos á avoa coa súa orgullosísima neta. Agora mirade que guapas e guapos están as nosas e nosos axudantes co seu "uniforme".

TIVEMOS UN MAGNÍFICO REGALO

A Biblioteca Pública de Vigo agasallounos con dúas caixas CHEEEEEEAS de libros. Agradecémoslle a súa doazón, e aínda máis nestes tempos que corren. Aproveitamos para recomendarvos que, cando pasedes por Vigo, vaiades a visitala, xa que é unha biblioteca marabillosa e ten uns bibliotecari@s exemplares. Enviamoslle un bico moi forte de parte de todo o alumnado do noso colexio e especialmente de Ploi, a nosa mascota. Graciñas e parabéns polo voso traballo.

2.15.2013

NOVIDADES NA BIBLIOTECA!

Ploi anduvo moi moi atarefado o mes de xaneiro buscando novos libros para vós e por fin os temos na biblioteca. Só tes que pasarte pola entrada da biblio, ver o que hai novo e entrar a facer o empréstito. Ou, se o prefires, mira as fotos que che presentamos aquí e así xa non tes que decidirte antes de entrar.

2.14.2013

DIA DA PAZ

O día da paz foi xenial, saímos á rúa e fixemos un flash-mob dando e repartindo apertas. Dende a biblioteca estivemos toda a semana anunciando libros con temática sobre a paz e fixemos un bonito mural. Esperamos que os leades e fagades de todo o ano segundos, minutos, horas, días, semanas e meses cheos de paz.